15/06/09

Guia de taberna 1 Manual de supervivencia para Zombis

Por que este manual


Exístenvos milleiros de manuais de supervivencia, pero ningún dirixido a ti que es un zombi, e si xa che costa traballo agochar o teu fedor (Neste libro ensinarémosche como facelo de maneira económica e decorativa) para canto máis resobrevivir (non esquezas que estas morto) No pasado era che sinxelo agocharse nunha mesta fraga, pero os novos e cada vez maiores espazos urbanos fan de ti,Zombi moderno, unha especie moi vulnerable e, do mesmo xeito que o simpático Dodo, empurrada cara a extinción. As novas tecnoloxías tamén supoñen un perigo para nos, no medievo, e séculos posteriores, todo o que atacaba un zombi cunha serra, o mais probable era que rematase de aperitivo, con todo non deixaba de ser un perigo potencial1 que pouco a pouco creceu ata chegar as novas serras mecánicas, serras que non deixan lugar a imaxinación, o mesmo que as desbrozadoras arma moitísimo máis perigosa que súa precursora a gadaña.
En Kilkenny, Irlanda, ala por os anos 1324 e 1325, comezou o que nós definimos como a desputrición2, os zombis fomos perseguidos e aniquilados alí onde nos atoparamos, sendo este o inicio dunha época de terror que nos leva a encrucillada onde agora estamos.
Os tempos cambiaron dende aqueles séculos onde un zombi podía tomar un chiquito na taberna por que erache un cidadán respectable e, por que non decilo, temido. Agora ata os cativos humanos reciben instrucións de como rematar con nós, os telefilmes e os simuladores que fan para as consolas fan que cada día o home corrente este máis preparado para rematar ca nosa Revida Sénteste preparado para escapar dunha horda alporizada3 . Pensas que precisas ser un mestre do disfrace e o ambientado, pois este é o por que deste libro ensinarte a sobrevivir nun mundo totalmente hostil a ti que es non morto. Benvido o marabilloso mundo da super-revivencia

20/03/09

CONTOS DE TABERNA 23

É PUTA final

Esa noite entramos no bar da señora Morocha e tomamos uns chatos como fixeramos moitas veces. O pouco de estar alí pasou a nai do Alberte, en verdade era fermosa, eu nunca me decatara , neses intres imaxineina espida. Devín de arrubiar por que meu pai preguntoume se me sentara mal o chiquito o que responderon múltiples risas dos presentes. Subín os chanzos das escaleiras contándoos, non tiña apuro por chegar, máis ben tiña medo; Infundado, despois de dúas horas alí baixei as escaleiras de dúas en dúas, atei o zapato apoiándome nunha media pipa , a moucha cravou os seus ollos ,rodeados dunhas noxentas olleiras, en min e díxome que o meu pai liscara xa para a casa. Saín correndo pero non para a miña casa, as pernas levábanme a casa de Alberte. Entrei, el atopábase a piques de meter na cama; o principio asustouse pero logo, coma sempre, invitoume a sentar. Díxenlle que estivera coa súa nai, e que sentira cousas que nunca tivera sentido; non me deixou rematar, as bágoas e o pranto luciron nos seus ollos azuis, aperteino co fin de consolalo e el bicoume, devolvinlle o bico e arrincámonos a roupa; sentín a súa pel quente e o seu corazón latexando á mesma velocidade que o meu,e cupido cubriuna coa tea da paixón que se desatou en nós ata caer sen folgos.
Cando acordei vestinme a modo, pensei que Alberte se atopaba abaixo ou fora; entrei no cuarto de baño e alí estaba el colgado da trabe do teito, coa súa faciana azul e os pés arrubiados, non puiden rematar de falar con el, non puiden evitar que se matara, non puiden ramatar de dicirlle que estivera coa súa nai, que sentía cousas que nunca sentira e aprendera cousas que nunca imaxinara, non puiden dicirlle co meu corazón sentía xa coma o del, como el tentara que sentise dende neno, non puiden dicirlle que a súa nai non era puta se non mestre

Todos abraiáronse do que remataban de escoitar, dende logo fora a mellor das historias de toda a noite e se non fora por que Antón quería pechar, invitaríano a algo, pero non puido ser. O que máis , e o que menos tamén, saíu pola porta bambeando o corpo e deixando na neve o mesmo rastro que un elefante.
O Xines e mailo señor Luís, coma sempre, non paraban de berrar , o mestre xa facía un rato que saíra e xa case non se vía por a corredoira que da ao muíño vello, O panduriño falaba alí preto co irlandes que xa pouco oía a esas horas, ou mellor dito en esas condicións. Don Avelino, o máis atrasado, cuspiu no chan, soouse coa sotana, e coa mesma ergueuna e púxose a mear contra dun valo, a neve derretíase ante o cálido líquido e ,este, deixaba escapar unha pequena e particular tormenta de vapor. Sacudiuse, e continuo o seu camiño xa sen ningún compañeiro a vista, mentres cantaba unha canción en latín que ben pouco tiña que ver coas dos misales ou os devocionarios.
Pechou a taberna no mesmo intre en que un camión entraba na aldea, o condutor despertou ao seu acompañante con fortes berros.
-. ¡Manole coño,esperta! ¡acabo de ver desaparecer un pobo!
O tal Manole despreguizouse, mirou para o seu compañeiro, deulle unhas palmadiñas no lombo e díxolle:
-. Que si home,que si, que agora conduzo eu, non fai falla que inventes contos de taberna.
Os camioneiros seguiron súa marcha sen se decatar de que eles mesmos eran contos de taberna.

12/03/09

CONTOS DE TABERNA 22

É PUTA 1ªparte

Sentiuse po, reproba de si mesmo, como podía atreverse a furtar o peto das animas, sentouse nun escano da igrexa e mirou para a figura do cristo rei sentiu como se lle botase en cara o feito e na súa mente escoitou a súa conciencia – Por que o fixeches? Repetíalle. Por que? El só respostaba cun salaio de cando en vez . Ergueuse e saíu lixeiro da igrexa. Eu, coma sempre, esperábao no río, cando chegou contoume o que acontecera, eu non lle souben rifar, inda que era maior ca el os dous eramos uns nenos e non entendiamos de regueifas.
Alberte nunca tivo privacións, ata tiña un escopetín de perdigóns; Eu fíxeno rir contándolle a cara que poría o crego o abrir o peto, entón el contoume o da súa nai, díxomo de xeito cerimonioso, a modo.
-Creo ca miña nai é puta.-
Non souben máis que soltar un ¡Carallo! Logo silencio e tras del risos.Alberte nunca soubo de que traballaba a súa nai ; seu pai era garda agullas na Gudiña e marchou cunha voluntaria da CNT, dende aquela a súa nai saía todas as noites e, enriba da taberna de Morocha a moucha , recibía a rapaces de dezaseis anos que volvían unha e outra vez a aquel lugar case que ata a voda.
Alberte máis eu crecemos xuntos ; Lembro cando un día se apertou a min, o seu corazón latexaba forte, eu tiña case dezaseis anos e el remataba de cumprir os catorce, estiveramos a pedradas co can do muiñeiro, era un de raza loba que sempre ladraba aos nenos, chamábanlle Lobo e era ben peor ca eles, tiña os dentes máis afiados ca a navalla do capador, o caso é que no Barbuxo, unha tomada dos meus pais, alí, ao pé do castiñeiro bicoume, peguei un chimpo e case que me mato o caer do valo abaixo, el botoume a man e eu subín de novo, pediume perdón ; as bágoas cubríanlle os ollos pero non fuxían, contoume o que sentía, a dor, a carraxe, o fel de non saber o que quería si a homes ou a mulleres, sentía o mesmo por uns que por outros. O principio quíxenlle rifar, pero de novo , como de nenos, non fun quen; aperteino mentres os salaios liscaban da súa alma, pouco ou nada podía facer eu. No fondo reprobaba o feito de ter un amigo que fose homosexual, non é que fora moi relixioso, pero sentíao coma se fose un pecado.
Volviamos á casa mentres a brétema acordaba no río. Aquela noite, como outras da miña vida, non durmín, pero lembrarei sempre esa en especial por que trocou o xeito de ver a miña existencia.
Pasou o tempo polo pobo e levoume a min ata a ideade de dezaseis anos, sei que esta mal dicilo pero o mesmiño que me deu a idade fixo de min un mozo de bo ver. Ese mesmo día ordeñando as vacas meu pai díxome:
- Rapaz, hoxe a noite imos ir á taberna de moucha, xa es un home e tes que visitar á nai de Alberte.-
O maxín rebuliuse nos meus miolos, lembrei o que me dixera o meu amigo, “Miña nai é puta” , pensei ir falar con el, pero o meu medo era meirande que calquera outro sentimento, amosaba mofarse de min, primeiro tiven medo do meu compañeiro, logo da súa nai e por remate do meu pai, un medo atroz a contrarialo, a non ser fillo digno del .

03/03/09

CONTOS DE TABERNA 21

Unha idea.


No xiradiscos soaba Coldsweat, dos Sugar Cubes, ese disco gustáballe e agora que estaba alí estarricado , no sofá, coa libreta na man e buscando unha idea para escribir un relato, era unha boa opción a escoitar; só se magoaba de que saltase tanto; tiña que mercar unha agulla nova.
A diferencia do disco os seus miolos non se movían, e alí estaba, tentando darlle voltas á cachola procurando unha ocorrencia; de súpeto, cando Björk tivo un subidón de adrenalina máis que de voz, iluminóuselle esa parte interior do craneo que tan pouco habituado estaba a usar.
Sentouse coa espalda recta e as pernas sobre dunha desas banquetas de piñeiro que venden por os mercados, unha desas que chaman de Portugal inda que esten feitas na Estrada, e comenzou a escribir.
A historia xiraba en torno a un home que estaba estarricado nun sofá, escribiu unhas liñas e ergueuse a sacar o vinilo; xa lle amolaba un chisco con tanto salto e tanta léria, e seguiu con o que estaba.
Contou como un home se topaba estumballado sen saber que poñer nun relato, e ese home escoitaba música dos oitenta nun vello e paleolítico xiradiscos.
O home do relato tivo de supeto unha idea, o mesmo tempo que remataba unha das cancións do seu imaxinario disco, escribía unha historia sobre un home que estaba escribindo un relato que trataba dun personaxe que non sabía sobre que escribir un conto, e comezou a poñer en situación a ese home, nunha modesta biblioteca,cos pés deriba dun tallo e a libreta nos seonllos, escribindo sobre alguén que non sabe que escribir e escribe sobre el que non ten ningunha idea para contar.
Ao final do conto, os cinco, erguémonos e buscamos outro disco; Prefat Sprout podería valer, pinchámolo por a cara dous e escoitamos un anaco de Moving the river, logo pasamos a seguinte canción, leimos o que levábamos feito e deixamos, por rematado, o conto, ao tempo co disco volvía saltar nunha estrofa en ingles que ningún entendeu; Mentres, nun sofa estarricado, nunha modesta biblioteca un escritor tiña a idea de escribir un relato dun home que escribía sobre un personaxe que non sabía sobre o que escribir e escribía sobre unha persoa que escribía sobre el.

Mentres algún frotaba a testa outros os ollos e os que menos esas zonas das que non se fala nos libros infantís, o taberneiro salvara unha a unha as cuncas do que tería sido, sen a súa axuda, unha morte segura, e as secaba co mandil; o que non era un cambio para moito mellor. Xa ninguén tiña ganas de moita leria, levaban toda a noite de parolada e a bo seguro que na casa xa se ergueran todos, por unha parte sempre poderían dicir que madrugaran moito, pero por a outra os seus corpos pregaban un repouso que outro día de vixilia non lle daría. Debatíanse agora os casados en enfrontarse ao rodillo ou sufrir as consecuencias dun gran cansazo que se aveciñaba cal anticiclón por as illas Azores, os máis vellos xa viuvos rían dos mozos, pero no fondo pensaban en como dicirlle ás súas fillas que o que tiñan non era resaca se non unha gripe que colleran pola friaxe de se erguer cedo. Antón volveunos á realidade.
a ver carallo, movédevos que quero pechar.
- A ver están os cegos e nunca ven – Dixo Don Avelino con algunha copiña de
máis.Era certo que el non se tiña que preocupar, non tiña misa ata a tardiña e podía dormila con moita calma, e quen sabe ao mellor con algo máis que calma.
De súpeto falou o Luís.
Conto o ultimo e liscamos.
Non me fodas Luisiño, non me fodas, que quero cerrar mira que horas che son meu- Antón tiña os ollos de vidro tinguido, gabiados por unhas veas de chumbo vermello, parecían as vidreiras dunha catedral, o peor de todo e que parecían as vidreiras dunha catedral a puntiño de ser derruida por o tempo.
Só unha e remato home- O taberneiro resignouse e sentouse nunha cadeira cruzando as pernas, fixo un aceno cos brazos e esperou a que comezase a historia. O señor Luís agachouse acendeu un pito e....
- Pero queres empezar dun carallo de vez- berrou o dono do local, e tanto berrou que o conto empezou.

24/02/09

CONTOS DE TABERNA 20


Historia sonora.

Soaban as campás da catedral dando as doce da noite, e o vento zoaba con forza facendo que ela o maldicira. Os grilos tocaban unha fúnebre melodía respondida por un expectante moucho. Abriu a porta da tétrica mansión a cal chirriou dolorosamente, un can abafaba nunha esquina preto dela, escoitou os pesados pasos achegarse con tétrica cadencia e cando o viu, non puido reprimir un berro, o seu perseguidor tocou un gong e soou a alarma. De novo a porta da súa cela pechouse con estrépito atrapándoa.

Tan concentrado estivera que non se decatara de que ninguén lle fixera caso, así que berrou un pouco, renegou outro pouco e cando todos lle estaban escoitando empezou outro conto.


Na corte

-. ¡E ti sempre estas a rosmar!, ¿Seica non sabes facer outra cousa?.
Xoán miraba o seu porco con cara de preocupación ao tempo que falaba con el.
-. Ademais, non é así coma ti pensas, hai que axudar no agro.
O porco, en troques, mirábao con indiferenza mentres comía unhas landras, o que alporizaba inda máis ao seu dono.
-. ¡¡Ti, ti, non tes perdón de Deus!!, as de rematar mal senón xa o verás.
O porco rezongou un pouco na lama, mentres o humano sentaba nun tallo , miraba o ceo implorando axuda divina, pero o único que vía eran as uralitas e unha araña que, tras tecer unha mesta arañeira, esperaba acochada algunha das confiadas moscas que por alí andaban a voar.
-. ¡Es un porco!, agora nin caso me fas e despois ves detrás de min a hora de xantar.
A araña pescou na súa trampa a unha vítima ben mantida, o que a fixo saír do seu acubillo.
-.¿Por que non mercaría eu unha vaca marela?
A araña chegou onde a súa presa e o vela en todo o seu esplendor refregou as súas patas.
-. Xa mo dicía o tío Moncho, “ non merques o cocho que non é nada...
Seguiu dicindo o home
-. Merca unha vaca que che traballa, dáche leite e se tes necesidade...”
A mosca rebulía na súa tumba tratando de fuxir, pero a araña xa estaba riba dela.
-. Mira amigho o, faime caso e axúdame a poñer o ceboliño.
O porco seguía coa súa cacheira de indiferenza, pero polo menos ante estas verbas virouse de costas á parede para durmir mellor. A mosca xa non era máis cunha lembranza no mundo das moscas ( si é que as moscas lembran), e seu verdugo alleo ao que baixo el acontecía volvía a súa trincheira a agardar unha nova vítima.
-. ¡Canto me arrepinto de terche mercado!, ¡¡canto!!. A ver o, axúdame a poñer o ceboliño que eu só non dou feito.
O porco ergueuse a coller máis landras mentres un merlo entraba na corte e a araña seguía a espreitar as moscas.
-. ¡non vas vir! ¿non?
O home ergueuse e o paxaro trocou o seu lugar na viga do teito
-. Mira non veñas, pero ten en conta que mañá mesmo chamo o matador.
Tras disto saíu da corte, o porco ergueuse e apertándose á porta berrou
-. Si home si, non fuches quen de chamar ao capador fai cinco anos vas chamar mañá ao matador.
-. Vai tomar por o saco, palanquín
-. Vai ti paspán
E así seguiron a berrar home e porco mentres un merlo comía a unha araña ben gorda que xa non espreitaba as moscas


Agora si que escoitaran e ben escoitado. A historia non fora para menos, algún a tiña oído, disque lle acontecera a un de Froindo Segundo as versións dos máis maiores, e outros din que a un home de Espidadela, Segundo as versións dos máis novos, no que todos coincidían e que lle acontecera a un fendemillos que non tiña moito espírito no corpo, se non non se explica como non tiña matado xa o porco nese tempo.
Afora a treboada parecía que xa fora pasando. O Antón colleu unhas cuncas valeiras e botounas nun balde con xabón, as cuncas o chocar unhas contra as outras ,e o ver o futuro incerto que lles esperaba en tan hostil elemento, berraron cun pequeno tintíneo e comezaron a súa inexorable marcha cara o fondo.
- Veña, ide acabando que eu quero pechar que xa vai ser día- espetou coas mans cheas de xabón.O Miguel pediu a palabra, carraspeu un pouco e comezou o relato ante a mirada atenta de todos os seus oíntes.
Algúns din inda hoxe en día que non era un relato, se non unha disertación sobre a continxencia intermolecular da variabilidade fractal dos planos, pero como ninguén sabe moi ben que carallo era iso , deixémolo en que comezou un relato.

17/02/09

O Mundo aquel 1














PREMA AQUÍ PARA LER O RELATO

11/02/09

CONTOS DE TABERNA 19

Feitizo 4ªparte

A mañá ergueuse preguiceira e cuberta de brétema, pero esta apartouse, con moi bo tino, cando viu chegar a aquela cuadrilla de defensores da liberdade, por chamarlles dalgún xeito. Arrastraban un remolque e todos levaban fouciños, gallas e demais trebellos agropecuarios que pensaban usar na súa defensa da xustiza e a paz, por chamarlle tamén dalgún xeito. Cando chegaron a beira da casa grande empezaron a berrar por o bruxo e a reprocharlle os seus feitos, o bruxo saíu sorprendido á fiestra
- Que queredes- Dixo- que mal vos fixen eu.
Os do pobo, vaite ti a saber por que, tarareaban unha melodía “New Age” con cada verba do bruxo. Por ultimo conseguiron capturalo atalo ao remolque e con moito traballo ( para ser exacto co traballo de todos eles agás o Marcelo que necesitaba repousos para pensar) lograron arrastrar o remolque coa súa pesada carga deica unha pradería do Andrés; onde xa tiñan preparada a pila para queimar ó bruxo, este rebuliuse ao ver cal era o seu destino e seguía berrando pola súa inocencia, ao que contestaban todos co seu tarareo “New Age”, Cando estibo ben atada a unha estaca de piñeiro seco no medio dun feixe de ramaxe, o Señorito , chamado por eles para tan ilustre cerimonia, prendeu lume a aquela liberadora cachada por chamala, e non perder costume dalgún xeito, as lapas estendéronse pronto entre a madeira seca. Ao pouco o bruxo berrou con todos os seus folgos e desapareceu entre unha pegañenta e negra nube de fume. Todos bailaron o redor da fogueira para festexar aquel triunfo, esta claro que non bailaron tan ben coma o defunto boi que parira un pocho seco. Inda pasou un tempo ca xente o pasar a beira daquel lugar apuraba o paso posto que , segundo dicían, o mal podíase cheirar inda no ar, se se parasen a mirar na silveira que cubría a Costiña xunto ao borde da fogueira, poderían ver o corpo do bruxo que roulou por ela o partir o palo do que estaba suxeito, con tan mala fortuna que morreu o bater cunha pedra entre as mestas silvas.

O Irlandés escoitara con certa atención, ben, escoitara con toda a atención que se é quen mentres intentas tomar unha cunca de tinto, a vez que che dan nas costas e, por pura inercia, unha boa parte do prezado fluído se derrama por un ; inda así collera o esencial da historia, os demais colleran o esencial e o superficial, que xa non era pouco.
Houbo un silencio incomodo, incomodo por que lle tocara sentarse enriba dun bocoi vello e non lle gustaba moito, pero logo empurrado por unha lembranza do Irlandés marchou do lugar.
Eu lembro un conto que me contaba meu avó- O silencio intentou entrar de
Novo pero o señor Miguel non o deixou.
Conta home conta- E comezou outro relato