20/11/08

Contos de taberna 15

LEMBRANZAS


Pisou a cinza coma esperando unha milagre; a dor apoderouse del igual que de un can famento e dos seus beizos brotou un berro tan mouro coma unha noite sen luar, logo afastouse da fogueira.
No pobo dicían que toleara. Ninguén o chamaba xa para matar o cocho, o certo é que a el tampouco lle gustaba esa tarefa; el no fondo quería ser alguén, pero nos seus miolos non entraban nin as brétemas do Nadal, que o acostumaban atopar en coiros levantando anguías no regato ás tantas da mañá. As gañas de atopar o senso que lle faltaba levárono a visitar ao meigo que vivía no caseto do monte, moitos dicían que o vello nas noites de trebóns trocaba en raposo e ía roubar as galiñas; el foi o que lle dixo que tiña que permanecer derriba das ascuas dunha fogueira de madeira de carballo durante un minuto, e por iso, cobroulle un pocho e a vontade. E que dicir que para Xan iso era pouco por moito, inda que fora a sangue ca vontade.
A calor facía escorregar pingueiras de suor polo seu bandullo, creo que xa cheirara o trebón; as nubes, xunguidas, non deixaban ve-la lúa. Ergueuse do chan e mirou a planta dos pes, tiña que votar de novo esa merda de pomada se non quería que lle saísen bochas. Dáballe moito asco, inda que xa tiña visto as tripas de moitos porcos espalladas polos capachos adiante, inda que se tiña botado algún que outro grolo de sangue dun becerro recen morto, aquela merda dáballe noxo, así que cada vez ca botaba despotricaba contra do farmacéutico e toda a súa familia que Segundo del non ten culpa.
De novo deitouse no chan mirando ó teito, e o seu can, farto xa de comer grasoada, deitouse o seu carón. Pensaba que ían dicir esas vellas rosmonas <> e non puido reprimir unha gargallada que espantou ó cadelo.
Quizais a noite fose oscura pero os seus silencios érano máis; o morno vento asubiaba con carraxe contra das fiestras. Lembrou que tiña que arranxar a porta do cortello, pero xa tería tempo mañá ou pasado, para as galiñas que quedaban nel.
Oiu o primeiro lostrego e lembrou as labazadas co seu pai lle daba de neno cando choraba, sempre tiña que calar se non quería que lle partise o peteiro; tremeu o seu espírito por mor das súas lembranzas e fora a horripilante treboada latexaba ruidosa, con forza. Un acio de vágoas caeu polas súas fazulas, e os salaios prendéronlle no alma como as ascuas nos pes. Berrou o tempo cun lostrego caia do ceo fendendo o ar e non se sabe cal dos dous fixo tremer a casa. Lembrou tamén o día no co señorito lle espetara unha labazada e riu,riu co fel na súa boca ,pensando na cruel vinganza que dispuxera e que logo non levou a cabo.
Atopábase mellor,xa non lle doian os pes e non tiña que votarlles trapalladas, mirou o can acochado o seu carón e petoulle unhas palmadiñas no lombo.
Fora debía de facer frío, botou un grolo dunha botella e escoitou o silencio, nada era para el tan fermoso coma ese precioso silencio que so rachaba de cando en cando un trono que fendía a escuridade, de súpeto o can ergueu as orellas e comezou a gruñir, ladrou cara a fiestra que daba o cortello. Xan, axudado pola treboada, distinguiu entre as sombras da noite a feitura dun raposo, cargou a escopeta, saíu fora e apuntando sentiu cos seus folgos fallaban, os pes doíanlle de outra vez e o frío turráballe dos seus osos pero el apertou o gatelo espallando centos de perdigóns polo corpo do animal, correu ata o lugar e so atopou o vello bruxo, e entón pensou que cecais a xente do pobo tivese razón e el estíbese tolo, e o vello bruxo tornase en raposo nas noites de trebón.
Agarimou a posibilidade de que mañá houbese xistra e volveu a casa.



A verdade é que por moi bonita que fora a leria, alí non pagaba nin deus o que andaba a tomar, e Antón xa empezaba a ter a mosca detrás da orella, e non era unha desas moscas pequenas que espantas cunha man e xa non volven, era unha mosca repoluda e toca collóns que por moito que se lle batese ca man non liscaba, e alí a tiña a rebulir de aquí para ala e de ala para acá, como se fose un soldado de sentinela, da riba para abaixo diante do seu garito, ata lle parecía vela ca pucha verde e o cetme colgado do pescozo (se é que as moscas teñen pescozo). Despois de varios e falidos intentos de votala dos miolos , decidiu facerlle caso o que lle dicía, por que o parecer ademais de vestir o uniforme caqui e levar un cetme a mosca andaba a rosmarlle,” non lles cobras pailán,van marchar fartos e sen pagar un can”, e cousas polo estilo, co que aínda se facía máis fodida do que era; a gota que colmou o vaso (ou a copa que tamén pode ser) foi cando o crego empurrou cos seus dedos amarelos de nicotina a cunca e dixo:
Veña Antonciño, ponme outra que esta xa marchou.
E a mosca (ou moscón a verdade e que non sabía moi ben o seu sexo) lle falou nese punto que soio as moscas toca collóns saben onde esta.
-Ves,xa cho dicía.
Antón bateu na barra, soouse ca fandela e mirou para todos ( Hai teorías que din que esta non foi a orden dos feitos) Todos calaron e miraron para el, máis polo asco que lle deu o do mandil que por velo bater no mostrador.
-Aquí non bebe nin...- Pensou mellor o que tiña xa nesa parte da lingua, que como o empurren un pouquichiño cae sen remedio o abismo dos sons, cando o cura o fitou con cara de campa, e volveu a dicir- Aquí non bebe ninguén sen que se pague o que se debe.
O señor Luís sacou a carteira, cando a abriu caeulle unha carta de dentro, pero caeu tan silandeira que so o Panduriño se decatou de elo; colleuna e púxose a ler nela, botou unha gargallada e dixo:
Ehi meus mirade o que lle di o Luisiño pequeno os reises magos do oriente.
Ben queridos reises magos do oriente,escríbovos con moita antelación por
Que se vivides tan lonxe ighual non vos chegha, meu pai di que chega de tódolos xeitos, pero o caralliño se é caso eu mándoa
Oes, oes- dixo o señor Luís- Deixa iso que é do neto e non veñas con leria anda.
O Antón botoulle a man polo lombo e deulle a volta, o crego volveu a empurrar a cunca que esta vez encheuse.
Veña home, sigo lendo que non lle facemos mal a ninguén.
Eu quero que me regaledes unha desas cousas que son así, ¿non sabedes?, e que teñen un chisme que lle sae para diante cando o empurras.
¿De que carallo fala ese rapas?- interrompeu o Xines.Todos lle botaron unha
ollada o vello e logo miráronse entre eles ata có Manolo dixo:
- Xa o verá máis para diante, vostede non entende disto- o vello so abriu a boca e volveuna cerrar sen case dar tempo a ver os poucos dentes que inda lle quedaban, a verdade e que ningún deles sabía de que estaba a falar o neno na súa carta, pero ningún deles, e iso tamén era verdade, estaba disposto a dicilo. Proseguiron a lectura
- Vos xa sabedes do que vos falo.-Todos asentiron ca cabeza, incluso o Xines que tampouco quería quedar de burro- E que teña chismes deses dos números e as letras así cunha carallada desas pa poñer as monecas enriba e que non se che cansen.
- Home, non me toques o carallo-dixo o caramuxo- ¿Como lle regalades monecas o cativo? valdreu, inda vos vai saír mandileiro.
Hei, hei,hei- Defendeuse o afectado causando con esas tres curtas verbas un golpe de efecto- Eu non lle regalei máis ca un escopetín, seguro que foi a miña nora, xa lle falarei eu a ver que vai ser isto. Ti sighe.
- Ademais que teña conexións USB, e o chirinflos ese das luceciñas que asubía
moito, e o carallo me tente non me lembro como se chama, iso si, que sexa RSDI ou algho así, vos xa sabedes do que vos falo, que inda non fai tanto que regaláchedes un na aldea, si, o Tomé, o fillo do señorito, que é un mal pocado que sempre anda a facerlle cabronadas a Don Avelino
Iso é certo- afirmou o crego antes de co amoestaran por obstruír a lectura.
E eu que vos poño unha xerra de viño tinto pais cuns melindres todos os anos
Traédesme unha merda de escopetín de perdigóns, e non diredes agora que non vos gusta o tinto e os doces , por que meu pai dixo que era o que máis vos gorentaba a mais non deixades nin os posos.
Pois eu pensei que lle gustara o nabo do escopetín
Shhh ,cala coño.
Si para o ano- Seguiu lendo o Panduriño- non me traedes o chisme que vos
Pido, non se vos ocorra vir máis pola miña casa, por que vos solto o Mouro que ten unha mala gaita que bota para tras- O Mouro non era so que tivera mala gaita, e que a máis de facer honra o seu nome e ser coma unha chamizo e grande que mete medo, ten uns dentes coma os dun cepo, e cando move a queixada da a impresión de que se abre un portal oxidado a gran velocidade, e non un portal calquera, non, un portal deses dos cemiterios das películas de medo, que fai un ruído adestrado para estarrecer o corpo –Así que xa sabedes, ou traédesme o trasmallo ese ou sóltobos o can. Con cariño e agradesimiento.
Luisiño.
-Carallo, pois si que escribe ben o teu neto- Cando o Xines dixo isto o mestre non puido deixar liscar unha risiña, pero como era tan pequena ninguén lle fixo caso, e perdeuse entre as trabes do teito, enguedellada a bo seguro nunha mesta tea de araña.- Ben a que lle conta tocar o conto- Todos riron ante o lio que xe fixo o falar , o caramuxo rematou de apurar a copa e ergueu a man mentres limpaba os fociños ca súa manga.Respirou fondo e empezou a historia.

4 comentários:

Borrasca dijo...

An te dejo un beso borrascoso, pero no puedo opinar sobre tu post ya que de gallego, pocón, pocón...

Saludos

An dijo...

Borrasca, tranquila preciosa...estoy buscando la manera de hacer una traducción automatica...algo es algo. SAúdos e bicos

AnnaRaven dijo...

Estupendos contos, An. Agardo que no 2009 podamos seguir a disfrutar deles e desa particular taverna do "fin do mundo", aínda que a mín sempre me parece do interior. Será unha tarverna viaxeira.
Bicos e apertas, meu.

An dijo...

AnnaRaven, de seguro que o remate---as levar unha boa sorpresa. Apertas e moitas grazas pola tua visita.