24/02/09
CONTOS DE TABERNA 20
Historia sonora.
Soaban as campás da catedral dando as doce da noite, e o vento zoaba con forza facendo que ela o maldicira. Os grilos tocaban unha fúnebre melodía respondida por un expectante moucho. Abriu a porta da tétrica mansión a cal chirriou dolorosamente, un can abafaba nunha esquina preto dela, escoitou os pesados pasos achegarse con tétrica cadencia e cando o viu, non puido reprimir un berro, o seu perseguidor tocou un gong e soou a alarma. De novo a porta da súa cela pechouse con estrépito atrapándoa.
Tan concentrado estivera que non se decatara de que ninguén lle fixera caso, así que berrou un pouco, renegou outro pouco e cando todos lle estaban escoitando empezou outro conto.
Na corte
-. ¡E ti sempre estas a rosmar!, ¿Seica non sabes facer outra cousa?.
Xoán miraba o seu porco con cara de preocupación ao tempo que falaba con el.
-. Ademais, non é así coma ti pensas, hai que axudar no agro.
O porco, en troques, mirábao con indiferenza mentres comía unhas landras, o que alporizaba inda máis ao seu dono.
-. ¡¡Ti, ti, non tes perdón de Deus!!, as de rematar mal senón xa o verás.
O porco rezongou un pouco na lama, mentres o humano sentaba nun tallo , miraba o ceo implorando axuda divina, pero o único que vía eran as uralitas e unha araña que, tras tecer unha mesta arañeira, esperaba acochada algunha das confiadas moscas que por alí andaban a voar.
-. ¡Es un porco!, agora nin caso me fas e despois ves detrás de min a hora de xantar.
A araña pescou na súa trampa a unha vítima ben mantida, o que a fixo saír do seu acubillo.
-.¿Por que non mercaría eu unha vaca marela?
A araña chegou onde a súa presa e o vela en todo o seu esplendor refregou as súas patas.
-. Xa mo dicía o tío Moncho, “ non merques o cocho que non é nada...
Seguiu dicindo o home
-. Merca unha vaca que che traballa, dáche leite e se tes necesidade...”
A mosca rebulía na súa tumba tratando de fuxir, pero a araña xa estaba riba dela.
-. Mira amigho o, faime caso e axúdame a poñer o ceboliño.
O porco seguía coa súa cacheira de indiferenza, pero polo menos ante estas verbas virouse de costas á parede para durmir mellor. A mosca xa non era máis cunha lembranza no mundo das moscas ( si é que as moscas lembran), e seu verdugo alleo ao que baixo el acontecía volvía a súa trincheira a agardar unha nova vítima.
-. ¡Canto me arrepinto de terche mercado!, ¡¡canto!!. A ver o, axúdame a poñer o ceboliño que eu só non dou feito.
O porco ergueuse a coller máis landras mentres un merlo entraba na corte e a araña seguía a espreitar as moscas.
-. ¡non vas vir! ¿non?
O home ergueuse e o paxaro trocou o seu lugar na viga do teito
-. Mira non veñas, pero ten en conta que mañá mesmo chamo o matador.
Tras disto saíu da corte, o porco ergueuse e apertándose á porta berrou
-. Si home si, non fuches quen de chamar ao capador fai cinco anos vas chamar mañá ao matador.
-. Vai tomar por o saco, palanquín
-. Vai ti paspán
E así seguiron a berrar home e porco mentres un merlo comía a unha araña ben gorda que xa non espreitaba as moscas
Agora si que escoitaran e ben escoitado. A historia non fora para menos, algún a tiña oído, disque lle acontecera a un de Froindo Segundo as versións dos máis maiores, e outros din que a un home de Espidadela, Segundo as versións dos máis novos, no que todos coincidían e que lle acontecera a un fendemillos que non tiña moito espírito no corpo, se non non se explica como non tiña matado xa o porco nese tempo.
Afora a treboada parecía que xa fora pasando. O Antón colleu unhas cuncas valeiras e botounas nun balde con xabón, as cuncas o chocar unhas contra as outras ,e o ver o futuro incerto que lles esperaba en tan hostil elemento, berraron cun pequeno tintíneo e comezaron a súa inexorable marcha cara o fondo.
- Veña, ide acabando que eu quero pechar que xa vai ser día- espetou coas mans cheas de xabón.O Miguel pediu a palabra, carraspeu un pouco e comezou o relato ante a mirada atenta de todos os seus oíntes.
Algúns din inda hoxe en día que non era un relato, se non unha disertación sobre a continxencia intermolecular da variabilidade fractal dos planos, pero como ninguén sabe moi ben que carallo era iso , deixémolo en que comezou un relato.
Etiquetas:
Contos de taberna
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentários:
Publicar un comentario en la entrada