12/03/09

CONTOS DE TABERNA 22

É PUTA 1ªparte

Sentiuse po, reproba de si mesmo, como podía atreverse a furtar o peto das animas, sentouse nun escano da igrexa e mirou para a figura do cristo rei sentiu como se lle botase en cara o feito e na súa mente escoitou a súa conciencia – Por que o fixeches? Repetíalle. Por que? El só respostaba cun salaio de cando en vez . Ergueuse e saíu lixeiro da igrexa. Eu, coma sempre, esperábao no río, cando chegou contoume o que acontecera, eu non lle souben rifar, inda que era maior ca el os dous eramos uns nenos e non entendiamos de regueifas.
Alberte nunca tivo privacións, ata tiña un escopetín de perdigóns; Eu fíxeno rir contándolle a cara que poría o crego o abrir o peto, entón el contoume o da súa nai, díxomo de xeito cerimonioso, a modo.
-Creo ca miña nai é puta.-
Non souben máis que soltar un ¡Carallo! Logo silencio e tras del risos.Alberte nunca soubo de que traballaba a súa nai ; seu pai era garda agullas na Gudiña e marchou cunha voluntaria da CNT, dende aquela a súa nai saía todas as noites e, enriba da taberna de Morocha a moucha , recibía a rapaces de dezaseis anos que volvían unha e outra vez a aquel lugar case que ata a voda.
Alberte máis eu crecemos xuntos ; Lembro cando un día se apertou a min, o seu corazón latexaba forte, eu tiña case dezaseis anos e el remataba de cumprir os catorce, estiveramos a pedradas co can do muiñeiro, era un de raza loba que sempre ladraba aos nenos, chamábanlle Lobo e era ben peor ca eles, tiña os dentes máis afiados ca a navalla do capador, o caso é que no Barbuxo, unha tomada dos meus pais, alí, ao pé do castiñeiro bicoume, peguei un chimpo e case que me mato o caer do valo abaixo, el botoume a man e eu subín de novo, pediume perdón ; as bágoas cubríanlle os ollos pero non fuxían, contoume o que sentía, a dor, a carraxe, o fel de non saber o que quería si a homes ou a mulleres, sentía o mesmo por uns que por outros. O principio quíxenlle rifar, pero de novo , como de nenos, non fun quen; aperteino mentres os salaios liscaban da súa alma, pouco ou nada podía facer eu. No fondo reprobaba o feito de ter un amigo que fose homosexual, non é que fora moi relixioso, pero sentíao coma se fose un pecado.
Volviamos á casa mentres a brétema acordaba no río. Aquela noite, como outras da miña vida, non durmín, pero lembrarei sempre esa en especial por que trocou o xeito de ver a miña existencia.
Pasou o tempo polo pobo e levoume a min ata a ideade de dezaseis anos, sei que esta mal dicilo pero o mesmiño que me deu a idade fixo de min un mozo de bo ver. Ese mesmo día ordeñando as vacas meu pai díxome:
- Rapaz, hoxe a noite imos ir á taberna de moucha, xa es un home e tes que visitar á nai de Alberte.-
O maxín rebuliuse nos meus miolos, lembrei o que me dixera o meu amigo, “Miña nai é puta” , pensei ir falar con el, pero o meu medo era meirande que calquera outro sentimento, amosaba mofarse de min, primeiro tiven medo do meu compañeiro, logo da súa nai e por remate do meu pai, un medo atroz a contrarialo, a non ser fillo digno del .